mércores, 12 de novembro de 2014

Nas rúas da infancia

Camiño na tarde que vai caendo
nas tebras do frío outono...
non sei se vai chover, se o abrigo
que tanto che gusta vaime ser suficiente...

Mentres agardo por ti, baixo a luz artificial
nas rúas da infancia,
véñenme lembranzas, breves momentos de saudade;
unha libraría, un café, o arrecendo dunha panadería
que xa non se chama igual...

Máis de vinte anos unidos nun intre,
nun xa foi, que diría meu avó...

Hoxe volvín ter un retazo da miña perdida inocencia
prendida dunha man...