mércores, 25 de xuño de 2014

na procura do inevitable

vexo como se detén o tempo
como os seres, as cousas, os movementos máis imperceptibles
vanse parando, paseniño, ate conxelarse por completo
e é entón cando, privado de toda externa sensación,
torno o pensamento cara min, consciente da miña insignificancia,
do non senso de case todo, e valoro certos pequenos,
case esquecidos e probablemente distorsionados, momentos da miña vida
inmersos en cancións, que os engrandecen e dan forma
mentres o mundo volta a xirar, e voltan a later os brancos pulsos nocturnos
nos que me guío na tépeda escuridade,
na procura do inevitable

ante un preguiceiro verán

abrumado por séculos de sabedoría
arrinconada en vellos estantes de madeira gastada
escoitando sons de melancolía das lonxanas fragas do norte
alén dos mares onde morre o sol
ante un preguiceiro verán de morna saudade

escoitando "Lazy Summer" de Barzin na Biblioteca do Mosteiro de Celanova