xoves, 29 de outubro de 2009

A Alquímica Dexeneración Da Ialma

Na ialba na que Acuario emerxe en apoxeo
E o Cisne planea paseniño entre a Aguia e o Pegaso

O Dragón arrodea con furia ao Carro aló no alto
Mentres a Frecha persegue ao Zorro con celestial precisión
Con Mercurio inscrito en Capricornio, sona a Lira en Vega
Do nigromante que inicia o sendeiro do que espreita

E a vida que percorre coma a peste putrefacta
As paraxes recónditas da mortal existencia humana
Entre alquímicas substancias en grimorios de linguaxes xa caladas
Verbas arcanas e impercetibles sons que inician a fin inevitable

Facianas que se enrugan coma metais enferruxados
No autoengano da inmortalidade cara a Nada
Visións oníricas de felicidade entre ratas de risas infectadas
Doentes remordementos de sonos incumpridos no cemiterio de pedra inquebrantable

Na noite na que a lúa alumea o afiar de gadañas
O Primixenio guiará a miña sombra con cánticos de indescifrable harmonía

Cantares Das Loitas Esquecidas

Na humilde lareira o vello bardo
Entoa tristes historias de séculos fuxidos
Lendas de loitas esquecidas
Contra inimigos que nin o tempo soterrou

Nos seus ollos de negra sabedoría
Que ate axeonllan aos lobos
Vexo berros de vinganza
Contras os traidores ás arcanas crenzas

Árbores que sangran na noite
E sementan o futuro cara o incerto
Cantos que lembran aos heroes
Contra o hipócrita sorrir da ignorancia

“Lembrade aos que vos deron a honra
Mentres as súas ialmas procuran a xustiza.
Cantade e bebede xuntos no recordo
Mentres a pálida faciana prepara a súa gadaña
Na ialba que precede á treboada…”

Onde A Vitoria Agarda

Canso tras unha noite á espreita
Entre as rochas que arredan os temores
A néboa agarima a miña faciana
Mentres lembro os laios de amarga inquedanza

A fraga nos acolle con calada maxestuosidade
As tebras arrodean a miña coraxe
Os máxicos símbolos que me protexen
Aprestan o meu aceiro cara o silencio

O sangue mergulla o meu calmo sorrir
Mentres ollo cara os corpos sen sombra
O corvo guía a miña ialma
Cara o círculo infinito onde a vitoria agarda

Morte Na Iauga

Entre as sombras do meu recordo
Érgome sobre o horizonte de negras árbores
O sendeiro retorce con sinuosa burla
Os meus pasos cara a Nada

E no manancial ollo o meu corpo inerte
Namentres a iauga me somerxe no eterno baleiro

Presenzas que o pasado fai existir
Mais o presente torna fría a súa lembranza
Roteiros imaxinados de vidas que conflúen
Na mística existencia dun futuro sen senso

E no manancial ollo o meu corpo inerte
Namentres a iauga me somerxe no eterno baleiro

Crenzas que existen na miña consciencia
Somerxidas na fonte do eterno baleiro