xoves, 25 de xaneiro de 2007

Aqueles Que Nos Deixan Atrás

No espertar dunha vermella mañá
de morte negra, negras novas
pérdese no ar o tremor da compaña
estou só, ser Nada

Sen recordos que me guíen quedo
no hourizonte incerto da miña existencia
trala lenta agonía de bágoas
que se cravan, ser Eterno

No valeiro ollar da morte
me consumo paseniñamente
sen o vello tempo que deteña
a aqueles que nos deixan atrás

No Val Do Silencio

A través do camiño que nos leva en mutua soedade
ollo as cicatrices do tempo gravadas na pedra sen mesura
séculos de lendas perdidas no recordo
daqueles que rexeitan o meigallo da noite

Visión de incertos sinos, baixo o influxo do inverno
que a feiticeira entoa nas notas do inesquecible
falar de vellas crenzas que alumean a miña ialma
ateigada de atrancos dos que envexan sen acougo

No verde val descansa a sombra que me aflixe
entre ríos de fría iauga que esmorecen na distancia
na procura do silencio, da dor dos esquecidos
guiados pola lúa que me acolle entre os seus brazos...

Na Traza Esotérica Do Ar Invisible

Baixo arcos revirados da anterga sabiduría
que no silencio de séculos escuros
nos acollen con branca vontade
na traza esotérica do ar invisible

Tralas pedras que agochan os segredos
da néboa que cobre os camiños
de dor entoxicada de mentiras
esmorece cansa a árbore da vida

Fatal orballo de hipócritas linguas
que con unllas envelenadas rasgan a pálida pel
da que profetiza o Destiño sen retorno
ate o Descoñecido Acobillo Eterno

No inmóbil asento de espiñas que se cravan
no alento de quen na lúa ve o sagrado
círculos concéntricos de mística saudade
de quen espera o que ninguén posúe

Akelarre

Espíritos do bosque
nesta enmeigada noite
do frío outono dos recordos
escoitade os nosos cantos
que se elevan coma o fume
do lume que crepita
que a vosa protección nos envolva
coma a néboa á temesiña ialba.

Nocturnal Misantropía

A noite cae coa cega infamia
dos que se cren a sí mesmos inmortais
ruíns vermes arrastrándose no fango
que asolaga e abafa a miña gorxa

Inútiles recordos de tempos pasados
paraíso perdido de pálidas caras
que co morto sorrir dos que enganan
atenúan a miña paixón por vivir

O pánico do que dorme quedo
na negra noite, gris presenza
que con ollos fríos me vixían
fanme gritar no silencio infinito

Na néboa nocturna de insomnio provocado
pola inerte man de quen corta o fío
enmarañadas vivencias do neno xa morto
misantropía gravada co sangue da inocencia
na lápida que enterra os soños...

No Pazo Derruido Da Existencia

Tremo só no silencio
mentres caio polo abismo infinito
mentres ela, agora muda ante os meus ollos
se dispón a levarme, a liberarme

E o pasado, todo baleiro
que insiste en recordar o paraíso
pasa diante miña o que fun,
os que foron, os que non voltarán, sen Destiño

E os frondosos bosques
que coa súa fragancia no recordo me levan lonxe
murmuran entre eles, vermello outono
que a vida sen paixón é un vano suplicio

Mentres ollo o horizonte recortado
pola fiestra de vidas separadas
e repito os tristes cantos de vellos bardos
que un home sen recordos non existe