xoves, 8 de outubro de 2015

Outono outono...

gosto das mañás húmidas e frías
que no outono espertan
ao preguiceiro sol

gosto das cores vermellas, verdes e amarelas
que nas muras xa espidas de froito
preparan o branquexar do solsticio invernal

gosto dese primeiro gosto
a laranxa, mel e café
que che fai rir na cociña

gosto de ver o meu abafo
mentres camiño polas rúas
da melancolía e lembranzas da nenez

gosto das harmonías
que ano tras ano
volto a recoñecer no firmamento

gosto do labirinto
que abrirá as súas portas
unha vez máis na noite de defuntos

gosto das castañas
dos chourizos e do viño xa algo vello
a ritmo de panadeira

gosto da choiva
da néboa das sombras
do ar tépedo e insomne

gosto de seguir
aquí, na espiral que o corvo
tece para min