domingo, 19 de setembro de 2010

Monótono Espertar...

Volta o día a día
logo do sono inconcluso
da aleatoria existencia

Volta o ollar esquivo
dos que non viven
no presente, mais no detestable

Volta a esperanza
de vidas que empezan
na carballeira do primeirizo outono

Monótono espertar de complexa harmonía...

xoves, 20 de maio de 2010

Semanticidade da Nada

Nada é Eterno
ben
Nada é Infinito

ou

a Nada é Eterna
ben
a Nada é Infinita

mércores, 5 de maio de 2010

Medo Infame...

Medo... esa sensación
de baleiro
e formigas que remoen nas
entrañas da noite
mentres inquedo sono
cun futuro sen ti

Árbore da vida
nunca pensei que foras
mortal
que as túas follas de luz
e sabedoría
secarían no recordo

Sinto medo
e as bágoas non saen
ante a túa ausencia

Infame é o augurio
que non deixa respirar
o presente é infinito

sábado, 1 de maio de 2010

Sigo Sen Atopar Indicios

Sigo sen atopar indicios
nas noites nas que esperto suoroso
de que a existencia teña sentido
na matemática precisión do universo

Cecais o simple feito de ollar
como caen as follas no outono
ou cecais o simple feito de escoitar
como cantan os merlos no mencer

sexan a fin mesma da espiral
da decadencia mesma
de sons que me evaden
entre conversas de viños novos

Non o sei, e inquédame
eu, que todo o indago
que todo o preciso atar
mais non teño respostas

E cada vez pérdeseme
máis o tempo entre as mans
entre monótonas secuencias
numéricas de vidas inútiles

que só aspiran á gloria
e á fama do efímero
flores fermosas que arrecenden
á podredume que atesouran

Pobres ignorantes...

E aquí sigo a pensar
na luz que precede ás tebras
que o só ollar da túa faciana
ben merece a Nada Eterna...

xoves, 8 de abril de 2010

Amarga victoria...

Non importa a masacre
nas infames pradeiras douradas
ateigadas dos fachendosos
estandartes xa calados

Non importa que as frechas
surquen o ar na vinganza
do corazón que arde
inquedo no eterno odio

Se aqueles que afrentan
a nosa existencia coa súa vida
permanecen na frondosidade
da opulencia e o descanso

de inmerecidos praceres
inútiles recordos de grandeza
que decae ante os seus ollos
no pantano da codicia e o desengano

xoves, 25 de febreiro de 2010

Das Ancestrais Lendas Drou...

E que se o sangue derramado
anega a terra morta dos confíns escuros?
E que se os desprezables ananos
saborean a victoria en caveiras élficas?
E que se a maxia poderosa
se torna cobizosa na man da inexperiencia?

Non hai derrota máis deshonrosa
que a vida do que fuxe temeroso,
para logo con bágoas de tormento
esnaquizar a súa ialma baixo o látigo
de velenosas serpes do escuro culto
que a Deusa do Caos instaura dende o Abismo...

Deixade que rían, beban e canten
os seus irrisorios himnos de pedra labrada,
mentres os fillos da noite, da vinganza,
renacen con renovadas ansias
de poder, eterna bendición
da Apocalipse que asolará a Terra...

venres, 15 de xaneiro de 2010

Torna O Pensamento

Chove, chove e máis chove...
E torna o pensamento, e torna a noite enteira...
Chove, chove e máis chove...
E torna o pensamento, de árbores tristes e caídas...
Chove, chove e máis chove...
E torna o pensamento, no lume que se apaga...